Vixilancia, beirarrúas, limpeza e o aluguer de naves baleiras son as apostas do Concello para relanzar este parque empresarial.
Fai un cuarto de século que empezou a fraguarse o polígono de Sete Pías (Cambados), non sen polémica. Veciños da parroquia de Oubiña alzáronse contra os plans do Concello de ocupar o seu monte con industrias e aínda habería de haber moitas asembleas, protestas e denuncias antes de que se levantase o primeiro muro. O exalcalde José Manuel Cores Tourís acabou vendo feito realidade o seu proxecto e hoxe xa se fala da ampliación. Segundo os datos que manexa o concelleiro de Economía, Xurxo Charlín, o 75 % das parcelas están edificadas e o 50 % teñen actividade empresarial, unhas cifras para presumir tendo en conta que preto de alí, en Baión e en Catoira, os polígonos están baleiros.

Non han ir mal as cousas en Sete Pías pero, a xuízo do goberno local, o PP podería facelas bastante mellor. Fátima Abal e o seu equipo atopáronse cun polígono cheo de maleza, con cámaras de videovigilancia que non funcionaban e con empresas que non pagaban as súas débedas co Concello. Medio ano despois, as parcelas están limpas e, desde onte, a policía local recibe imaxes en directo das quince cámaras instaladas no polígono. Pero falta moito por facer. O próximo paso será construír beirarrúas alí onde non as hai e pór en marcha os viveiros de empresas e de industrias. O primeiro xa está a disposición dos emprendedores, que non teñen máis que presentar un proxecto no Concello para optar a unha das oficinas habilitadas no edificio que no que se sitúa a cafetería. O segundo porase en marcha ao longo deste ano. O Concello vai acondicionar a nave que ocupaba Forvi, de 1.500 metros cadrados, para habilitar unha decena de talleres que se porán a disposición de novos ou vellos empresarios. Con esta fórmula preténdese incentivar a implantación de negocios en Cambados mediante unha oferta de locais atractiva e a bo prezo.

Pero aínda quedan máis naves municipais que están baleiras porque as empresas que as ocupaban botaron o peche, caso de Transporte Núñez. O Concello acaba de pólas en aluguer e espera recadar 26.902 euros anuais por este concepto. As bases e documentación pódense consultar na web municipal.

A posta ao día do polígono tamén se librará nos xulgados porque a empresa de xestión de residuos que ocupaba a antiga nave loxística débelle ao Concello 300.000 euros. E Charlín avisa. As parcelas que sigan sen edificar, acabarán revertendo no Concello «para evitar a especulación». Hai máis puntos negros en Sete Pías. As verteduras seguen chegando ao río Pequeno.

FONTE: Cambados / La Voz, 06 de febreiro de 2016

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que vostede teña a mellor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando o seu consentimento para a aceptación das mencionadas cookies e a aceptación da nosa política de cookies, política de cookies, pinche o enlace para maior información..plugin cookies

ACEPTAR